Thursday 02 de May de 2024

Consensuados coa hostalería local os horarios de peche de locais e terrazas durante a fase 2 da desescalada


A Casa Consistorial deu cabida esta mañá a unha nova reunión do grupo de traballo da hostalería pertencente ao Plan Local de Desescalada coa fin de concretar os horarios de peche deste tipo de establecementos na fase 2.

Así, de luns a venres (e sempre coas medidas preventivas e limitacións de aforo dispostas pola normativa estatal), o horario de peche tanto dos locais como das terrazas será ás 0.30 horas mentres que en fins de semana e vésperas de festivo, deberán pechar como moi tarde ás 1.30 horas no caso das terrazas e ás 2.00 horas no interior.

Igualmente, o Concello comunicou que ademais de permitir neste tipo de negocios ampliar a ocupación de espazos públicos con mesas e cadeiras, poderase instalar tamén outros elementos auxiliares que faciliten o servizo á clientela: contendo por exemplo os produtos de máis venta.

Feirantes
Por outra parte, e co ánimo de axudar aos feirantes empadroados en Ribeira habituais das celebracións de festas, a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 aprobou na súa sesión desta mañá abrir a partir do próximo luns 25 de maio un prazo de preinscrición de sete días naturais para que manifesten o seu interese en ocupar espazo público durante este verán, a fin de que o Concello poida elaborar unha programación ao respecto.

Esta solicitude deberá realizarse por rexistro, ben presencial na Oficina de Atención Cidadá ou ben telemática a través do portelo dixital https://ventanilla.riveira.es/, dependendo do caso.

Por último, a Comisión aprobou tamén a elaboración dun plan semanal de desinfección de instalacións municipais cos nebulizadores adquiridos para esta fin.